REVÁLIDAS 2017
A Xunta de Galiza
ven de publicar, o pasado venres 5 de maio, as instrucións para o
desenvolvemento da reválida de terceiro de primaria, a única que aínda
permanece daquela ringleira de probas de eliminación que tiña que superar o
noso estudantado ata chegar á universidade.
Estas probas, que
se anuncian no DOG como unha avaliación para comprobar o grao de dominio en
competencia en comunicación lingüística e matemática, continúan a ser a mesma
pretendida avaliación que as familias galegas, encabezadas por esta
Confederación, xa rexeitamos nos dous cursos precedentes cun abandono masivo
das aulas nos días da súa celebración, o
que tamén faremos nesta convocatoria, porque:
·
Non existe unha finalidade
diagnóstica cando se rexeita facer unha valoración seria en profundidade, que
avalíe non só competencias senón tamén recursos, medios, metodoloxías
aplicadas, obxectivos perseguidos, etc.
·
Non hai ningunha valoración útil
que se realice nun par de días, descontextualizando os resultados das
realidades vividas durante un curso académico, cando que hai que estudar cal é
a situación coa que se enfronta a comunidade educativa no día a día, cal é o
grao de ocupación das aulas, cal é a provisonalidade do persoal docente e
orientador, canto é o persoal de apoio, canto alumnado precisa de atención
educativa específica, etc.
·
Da experiencia de anos anteriores,
só se coñece o incumprimento absoluto das consecuencias, as mesmas que o venres
saíron novamente publicadas, por parte da Administración educativa, non houbo
valoración de resultados nos consellos escolares, non houbo plans de corrección
nas programacións xerais anuais, non houbo unha información personalizada ás
familias por parte das titoras, non houbo nada do que xustificaba a celebración
das probas. Entón, se a diagnose que se pode facer é incompleta, e aínda esa
non se utiliza: para que continuamos dilapidando diñeiro público en facer unhas
probas inútiles que estorban o normal desenvolvemento do curso escolar e poñen
en situación de incomodidade a alumnado e profesorado?
As familias galegas estamos fartas de que se avalíe aos nosos fillos e fillas, xa se fai durante o curso académico por parte das súas titoras, que son quen as coñecen, non é precisa ningunha outra avaliación. Pero si podemos comprender que é necesaria unha avaliación do funcionamento da administración educativa, a que leva anos recortando medios e profesionais para a atención desas nenas e nenos ás que quere avaliar, a que este curso abandonou ao alumnado de 2º de bacharelato que aínda hoxe non ten claro como van ser as súas probas de acceso á universidade, a que confunde a autonomía dos centros escolares coa falta de apoio para o tratamento das problemáticas xerais, a que deixa sen recursos a toda a poboación con necesidades educativas especiais. Ese é o parámetro que hai que avaliar, non a un alumnado que abondo ten con aturar un ensino público mal planificado e peor organizado
precisamente por parte de quen pretende avaliarnos.
Por riba, aínda
queda algún resto das outras reválidas, as de sexto de primaria, cuarto da ESO
ou 2º de bacharelato, que foron mudando de nome e de intención, e pasaron de ser “instrumentos
imprescindíbeis” da modernización do
sistema educativo, a ser probas mostrais nalgún centro educativo para proporcionar
á administración educativa “unha información complementaria á hora de deseñar accións
específicas na súa aposta por unha maior calidade do ensino”; traducido: pasaron
de ser totalmente necesarias a non servir para nada; o que nós dixemos dende o
primeiro día e mantemos hoxe.
Esa é
Administración educativa que temos no noso País: xente que é quen de defender
unha cousa e a súa contraria segundo o que conveña electoralmente aos seus
copartidarios do Goberno central; xente que leva anos xogando co estudantado
galego utilizándoo á mantenta como material dun laboratorio externo a nós, que
só serviu para entorpecer o seu desenvolvemento académico, e para
desestabilizar a súa aprendizaxe nestes importantes anos do ensino obrigatorio.
Aínda ben é que as
familias, agrupadas nas asociacións de nais e pais, e con nós toda a sociedade,
a directamente implicada no Ensino Público e a que non o está pero o sente como
propio, fomos quen nestes anos pasados de ir variando a deriva discriminatoria
que a LOMCE impuxo ao noso Ensino, e ir apartando do futuro das nosas fillas e
fillos todos os atrancos que aquela xente insolidaria quixo introducir para que
o Ensino de todas pasara a ser o Ensino dunhas poucas, daquelas que tiñan os
medios privados para superalos.
Moito avanzamos e
moito conseguimos, mais nin moito menos todo o que pretendemos, porque a LOMCE
continúa a estar aí, e con ela están os erros curriculares, as valoracións
ideolóxicas, os itinerarios obrigatorios contaminados de sectarismo relixioso, o
desprezo á nosa cultura e á nosa Lingua, a discriminación activa a aquelas ás
que aparta do camiño maioritario, e unha ampla casuística de despropósitos que
nos reafirma na nosa petición básica, na que agora tamén xa sumamos ao Consello
Escolar do Estado: é unha norma que debe ser derrogada, canto antes, non hai
outra opción.
Os nosos teléfonos
de contacto como voceiros da Confederación son:
Javier Sánchez: 600
699 293
Fernando Lacaci:
610 616 968
QUE É A
AVALIACIÓN DE 3º DE PRIMARIA – 2017 ?
ESTABLÉCESE NA LOMCE, COA MODIFICACIÓN DO SEGUINTE ARTIGO DA
LOE:
o
20.3: dicindo que os centros docentes realizarán
unha avaliación individualizada a todo o alumnado ao rematar 3º de primaria, segundo dispoñan as Administracións
educativas, na que se comprobará o grao de dominio das destrezas,
capacidades e habilidades en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e
resolución de problemas en relación co grao de adquisición da competencia en
comunicación lingüística e da competencia matemática.
EN GALIZA RECÓLLESE NO DECRETO 105/2014, QUE ESTABLECE O CURRÍCULO DE PRIMARIA:
o 12.7: dicindo que os centros docentes realizarán unha avaliación
individualizada a todos os alumnos e as alumnas ao rematar o terceiro curso de
educación primaria, segundo dispoña a consellería de educación.
A CONSELLARÍA DISPÚXOO
NA RESOLUCIÓN DE 25 ABRIL DE 2017 QUE DI:
ÁMBITO Terá
carácter censual e aplicarase a todo o alumnado de centros docentes galegos,
públicos, privados e privado-concertados.
FINALIDADE Comprobar o
grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia
matemática.
CARÁCTER Informativo
e orientar para o alumnado, familias, docentes, centros e administración
educativa; polo tanto debería servir para:
§ Achegar
información individualizada de cada alumno ou alumna.
§ Achegar
información para cada centro relativo ao conxunto do seu alumnado.
§ Achegar
información ás familias e á Administración educativa sobre o progreso do
alumnado.
COMPETENCIAS Comunicación Lingüística e matemática, segundo os
estándares de aprendizaxe avaliables para 3º de primaria segundo os anexos I e
III do Decreto 105/2014
CARACTERÍSTICAS DAS PROBAS:
o A administración educativa proporcionará os materiais e soporte
informático necesario
o As probas consistirán en cadernos de alumnado para cadansúa competencia
e cuestionarios de contexto para as persoas titoras, a dirección, o alumnado e
as familias
o Aplicaranse a todos os grupos de 3º de primaria.
o Procurarase que sexan aplicadas por mestres-as do alumnado que non lles
dean galego, castelán ou matemáticas (ou sexa, inglés ou educación física), se
non é posible a “comisión de coordinación” seleccionará a quen queira
o As probas deberían ser corrixidas e gravadas por mestras-es de galego,
castelán e/ou matemáticas; se non é posible novamente a “comisión de
coordinación” seleccionará a quen queira.
o
As probas serán o 30 e o 31 de
maio; e se por algunha razón non puidesen desenvolverse as probas, por
coincidir un día non lectivo ou por circunstancias sobrevidas, a dirección do
centro afectado comunicarao á inspección e á comisión local para que se
realicen nunha data inmediatamente posterior. Pero terá que facelo cunha
antelación mínimo de cinco días hábiles ao inicio da proba. (isto non pode usarse para cambiar as datas se non vai alumnado,
porque ten que existir aviso previo)
o
A data límite para corrección e
gravación de datos será o 12 de xuño.
o
O alumnado NEAE fará unha proba
adaptada á súa realidade, e esa adaptación será responsabilidade da persoa
titora, co asesoramento do resto do equipo docente, a persoa orientadora e o
profesorado de apoio.
COMISIÓNS DE COORDINACIÓN DA AVALIACIÓN INDIVIDUALIZADA
·
Crearase unha comisión de
coordinación formada polo director-a, o xefe-a de estudos, o orientador-a e un
titor-a de terceiro curso.
§
Informarán á comunidade educativa
sobre o sentido e finalidade de cadansúa proba.
§
Planificará o seu desenvolvemento.
§
Seleccionará os mestres e mestras
responsables da aplicación e corrección da proba.
§
Adoptará todas as medidas
necesarias para a adaptación das probas ao alumnado NEAE.
§
Custodiará os materiais e garantirá
a confidencialidade.
§
Garantirá o rigor e a obxectividade
en todo o proceso.
§
Organizará a entregará os informes
ás familias, e a difusión da información sobre os resultados entre a comunidade
educativa do centro.
§
Colaborará coa Administración
educativa e cos servizos de inspección no que se lle requira.
INFORMES
§
Os centros obterán un informa
individual de resultados de cada alumno-a, con información sobre os seus
resultados globais nas competencias avaliadas e que será entregado ás familias;
e terá carácter informativo e orientador para os centros, así como para os
equipos docentes e familias.
§
O titor ou titora deberá informar
ás familias dos resultados desta avaliación
§
Os centros educativos terán un
informe sobre os resultados do centro e de cadanseu grupo, en cada unha das
destrezas e competencias avaliadas.
ANÁLISE DE RESULTADOS NOS CENTROS EDUCATIVOS
§
Os claustros e consellos escolares
farán unha análise de resultados, de terceiro e sexto, e “reflexionarán
internamente” para establecer as accións de mellora que incorporarán á PXA.
§
Se a reválida é desfavorable, os
equipos docente deberá adoptar medidas, que se fixarán en plans de mellora
colectivos ou individuais, en colaboración coas familias e mediante recursos de
apoio educativo.
ALUMNADO NEAE
§
Con carácter xeral fará a mesma
proba que o resto do alumnado, “adaptando as condicións ás súas necesidades”,
adaptando tempos e formatos e facilitándolles medios materiais e axudas
técnicas.
§
alumnado que leve menos dun ano
escolarizado en Galicia e que careza de competencia lingüística abonda, contará
con asesoramento, pero os seus resultados non computarán para o cálculo dos
datos globais..
§
alumnado que teña adaptación
curricular avaliarase de acordo con esa adaptación, e os seus resultados non
computarán para o cálculo dos datos globais.
§
As adaptacións anteriores terá que
facelas o titor-a, o orientador-a , e os PT e AL; quen tamén aplicarán e
corrixirán as probas.
DATOS DE CARÁCTER PERSOAL
o
Os datos de carácter persoal
estarán nun ficheiro custodiado pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de
Educación.
o
As familias terán o dereito de
acceso, rectificación, cancelación e oposición a que se conserven eses datos,
este dereito poderase exercer diante da SXT da Consellaría de Educación, da
seguinte maneira:
§
Enviando unha comunicación a:
Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio
Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 15781 – Santiago de Compostela.
§
A través dun correo electrónico a sxt.cultura.educación@xunta.es
o
Para que dicimos en ANPAS GALEGAS que serve esta proba:
·
Para incrementar o traballo
administrativo dos centros escolares xusto durante a fin do curso.
· Para provocar un estado de tensión
estéril nos escolares de 3º de primaria.
· Para obter resultados falsos,
porque están contaminados pola descontextualización e pola dependencia da
situación puntual na que se obteñen.
·
Para desprezar publicamente o
traballo constante dos titores e titoras destes cursos avaliados, xa que os
resultados do centro e do alumnado non se valoran por un curso completo senón
por un exame puntual no que non se permite a súa participación.
· Para desprezar ás familias, porque
só estamos presentes para “recibir información”, como se non participaramos na
educación dos nosos fillos, a través do contacto co seu profesorado, pero tamén
mediante o traballo directo e permanente cos nosos fillos e fillas.
· Para crear clasificacións de
colexios, de grupos, de alumnado, de profesorado, de equipos docentes, de
barrios, de zonas xeográficas…; e a consecuencia inevitable das clasificacións
son os guetos, porque quen poida escapará dos “malos colexios” e crearanse
grupos falseados dende o punto de vista social, tanto de “favorecidos” como de
“desfavorecidos”, rompendo o principio de equidade que debe gobernar a escola
pública; pero tamén rompendo dun golpe coas xa escasos logros conseguidos na
inclusión da diversidade.
· Para considerar de menor
importancia aquelas competencias que non van ser avaliadas, as ciencias
naturais e sociais, a música, a plástica, a educación física. E isto traerá
como consecuencia que estas materias “de segundo nivel” irase abandonando para
traballar máis aquelas “das que se poida tirar máis rendemento”
·
Para desprezarnos a nós mesmos; a
nosa contorna, a nosa organización vital, os nosos valores e costumes non teñen
importancia e non se avalía o seu coñecemento e interiorización. En terceiro a
competencia matemática valorarase en castelán, e a nosa lingua só serve para
ser auto avaliada; o único para o que serve o galego é para falar galego, pero
sempre que non falemos de cousas “importantes”.
·
Para gastar inutilmente os nosos
recursos públicos: logo de anos de recortes, agora imos gastar para avaliar
cómo estamos logo de estar recortados. Un absurdo.
·
Para xustificar calquera medida
posterior: unha proba realizada por uns nenos e nenas de oito anos, que están
fóra do paraugas protector do seu titor ou titora, pode dar como resultados
calquera cousa ou a contraria.
DECÁLOGO DE MOTIVOS POLOS QUE ESTAMOS EN CONTRA DAS REVÁLIDAS DA LOMCE
1.
CLASIFICACIÓN
DOS CENTROS E COMPETICIÓN (MAL ENTENDIDA) ENTRE OS MESMOS, xa que de publicarse
os resultados só conseguirán prexudicar ás escolas de contornas socioeconómicas
desfavorecidas, como corroboran diferentes estudos publicados.
2.
NEUTRALIZACIÓN
de novas iniciativas metodolóxicas dos centros que apostan por proxectos
educativos que respectan os ritmos de aprendizaxe e desenvolven os currículos
prestando gran atención ás intelixencias múltiples, xa que o modelo de reválida
privilexia os contidos, ignora moitas das competencias clave e introduce
obstáculos no progreso da formación do alumnado.
3.
SELECCIÓN
TEMPERÁ, xa que o énfase debería poñerse nas dotacións orzamentarias destinadas
a paliar os problemas que unha proba ben deseñada podería contribuír a detectar,
e non centrada nos resultados do alumnado, clasificando aos estudantes en “bos
e malos”, tentando evitar o acceso destes últimos aos estudos post-obrigatorios.
4.
COMPETENCIA
MAL ENTENDIDA, xa que centrará os esforzos das escolas na obtención de bos
resultados na reválida, e non na necesaria cooperación entre elas.
5.
PERVERSIDADE
E FALTA DE OBXECTIVIDADE, xa que só se terán en conta algunhas competencias, e
dentro destas sobre todo os contidos, e non aspectos moi relevantes como o
pensamento crítico, a creatividade, a propia iniciativa, as características
individuais de cada persoa, a competencia social e cidadá...
6.
DESCONFIANZA
E CONTROL INAPROPIADO aos centros e os docentes, cuestionando a súa capacidade
para realizar o seu traballo, non
mencionando en ningún punto a importancia da formación continuada.
7. INVOLUCIÓN, inspirándose en modelos superados e non
nos mellores modelos vixentes en Europa, e centrando os obxectivos de moitos
cursos na superación duns exames de dubidosa relevancia, en detrimento de case
todos os aspectos importantes no proceso
de
ensino-aprendizaxe.
8.
INEFICACIA,
dado que moitos organismos e informes, como o National Research Council de
Estados Unidos (2011), expoñen que os sistemas semellantes ao que propón a
reválida na LOMCE son ineficaces e non contribúen á mellora da formación do
alumnado no futuro; por contra, co tempo os resultados das probas poden
mellorar porque o traballo docente e a aprendizaxe das rapazas e rapaces
céntranse na realización das probas.
9.
IMPOSICIÓN,
xa que non se levou a cabo ningún tipo de debate científico, social e político,
necesarios para chegar a un consenso, e as reválidas foron aprobados coa
maioría de todos os sectores da comunidade educativa en contra.
10.
DESCOORDINACIÓN,
IMPROVISACIÓN E FALTA DE INFORMACIÓN por parte da Administración que aconsellan
a non realización das probas.
POR ISO EN ANPAS GALEGAS REXEITAMOS TODAS AS REVÁLIDAS DA
LOMCE
1. Rexeitamos as avaliacións externas cuxo obxectivo principal non sexa a
detección de ámbitos de mellora no sistema educativo de cara a proporcionar aos
centros, aos docentes, ao alumnado e ás familias os medios necesarios para a
formación integral do alumnado e o desenvolvemento do seu labor.
2.
Rexeitamos as avaliacións externas
que non se baseen na observación sistemática e prolongada no tempo de
indicadores relevantes, senón que se reduzan a observacións parciais e
puntuais. Así mesmo, rexeitamos a clasificación dos centros, ou a asignación de
medios materiais ou humanos aos mesmos, en función dos resultados de
avaliacións externas que non cumpran os necesarios requisitos.
3.
Rexeitamos as avaliacións externas
cuxo deseño non estea consensuado cos sectores da comunidade educativa e as
organizacións procedentes: profesorado, nais e pais, alumnado, ANPAs, organizacións
sindicais...
4.
Rexeitamos as probas externas que
non sexan integramente aplicadas, supervisadas e avaliadas por funcionarios
públicos, tanto nos centros públicos como nos privados.
E POLO TANTO
·
ANIMAMOS ÁS FAMILIAS A SUMARSE Á INSUBMISIÓN Á REALIZACION DESTAS
PROBAS SOBRE OS NOSOS FILLOS E FILLAS, non os enviando ao colexio
durante as horas, ou días, da súa realización.
·
Chamamos ás familias para que
manifesten o seu rexeitamento, a través da presentación do escrito que se
acompaña.
·
Expresamos publicamente o noso
rexeitamento como confederación, e invitamos a todas as federacións e a todas
as anpas a que o fagan así en todos os foros que teñan ao seu alcance, páxinas
web, redes sociais, taboleiros de anuncios, difusión aos seus socios, etc.
·
Esiximos nova e constantemente a
derrogación da LOMCE, non queremos esa Lei, e non pararemos de dicilo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario