MENSAXE DE BENVIDA

Benvidos a este noso blog donde esperamos mellorar e potenciar a nosa comunicación. Os animamos a que este blog sexa un bo medio de relación entre nos e que de aqui saian boas ideas para mellorar o traballo desta ANPA, asi como potenciar a labor educativa deste noso cole.



viernes, 12 de mayo de 2017

REVÁLIDAS DE PRIMARIA!!!!


REVÁLIDAS 2017

A Xunta de Galiza ven de publicar, o pasado venres 5 de maio, as instrucións para o desenvolvemento da reválida de terceiro de primaria, a única que aínda permanece daquela ringleira de probas de eliminación que tiña que superar o noso estudantado ata chegar á universidade.

Estas probas, que se anuncian no DOG como unha avaliación para comprobar o grao de dominio en competencia en comunicación lingüística e matemática, continúan a ser a mesma pretendida avaliación que as familias galegas, encabezadas por esta Confederación, xa rexeitamos nos dous cursos precedentes cun abandono masivo das aulas nos días da súa celebración, o que tamén faremos nesta convocatoria, porque:

·         Non existe unha finalidade diagnóstica cando se rexeita facer unha valoración seria en profundidade, que avalíe non só competencias senón tamén recursos, medios, metodoloxías aplicadas, obxectivos perseguidos, etc.

·         Non hai ningunha valoración útil que se realice nun par de días, descontextualizando os resultados das realidades vividas durante un curso académico, cando que hai que estudar cal é a situación coa que se enfronta a comunidade educativa no día a día, cal é o grao de ocupación das aulas, cal é a provisonalidade do persoal docente e orientador, canto é o persoal de apoio, canto alumnado precisa de atención educativa específica, etc.

·         Da experiencia de anos anteriores, só se coñece o incumprimento absoluto das consecuencias, as mesmas que o venres saíron novamente publicadas, por parte da Administración educativa, non houbo valoración de resultados nos consellos escolares, non houbo plans de corrección nas programacións xerais anuais, non houbo unha información personalizada ás familias por parte das titoras, non houbo nada do que xustificaba a celebración das probas. Entón, se a diagnose que se pode facer é incompleta, e aínda esa non se utiliza: para que continuamos dilapidando diñeiro público en facer unhas probas inútiles que estorban o normal desenvolvemento do curso escolar e poñen en situación de incomodidade a alumnado e profesorado?

 

As familias galegas estamos fartas de que se avalíe aos nosos fillos e fillas, xa se fai durante o curso académico por parte das súas titoras, que son quen as coñecen, non é precisa ningunha outra avaliación. Pero si podemos comprender que é necesaria unha avaliación do funcionamento da administración educativa, a que leva anos recortando medios e profesionais para a atención desas nenas e nenos ás que quere avaliar, a que este curso abandonou ao alumnado de 2º de bacharelato que aínda hoxe non ten claro como van ser as súas probas de acceso á universidade, a que confunde a autonomía dos centros escolares coa falta de apoio para o tratamento das problemáticas xerais, a que deixa sen recursos a toda a poboación con necesidades educativas especiais. Ese é o parámetro que hai que avaliar, non a un alumnado que abondo ten con aturar un ensino público mal planificado e peor organizado
precisamente por parte de quen pretende avaliarnos.

Por riba, aínda queda algún resto das outras reválidas, as de sexto de primaria, cuarto da ESO ou 2º de bacharelato, que foron mudando de nome e de intención,  e pasaron de ser “instrumentos imprescindíbeis”  da modernización do sistema educativo, a ser probas mostrais nalgún centro educativo para proporcionar á administración educativa “unha información complementaria á hora de deseñar accións específicas na súa aposta por unha maior calidade do ensino”; traducido: pasaron de ser totalmente necesarias a non servir para nada; o que nós dixemos dende o primeiro día e mantemos hoxe.


Esa é Administración educativa que temos no noso País: xente que é quen de defender unha cousa e a súa contraria segundo o que conveña electoralmente aos seus copartidarios do Goberno central; xente que leva anos xogando co estudantado galego utilizándoo á mantenta como material dun laboratorio externo a nós, que só serviu para entorpecer o seu desenvolvemento académico, e para desestabilizar a súa aprendizaxe nestes importantes anos do ensino obrigatorio.

Aínda ben é que as familias, agrupadas nas asociacións de nais e pais, e con nós toda a sociedade, a directamente implicada no Ensino Público e a que non o está pero o sente como propio, fomos quen nestes anos pasados de ir variando a deriva discriminatoria que a LOMCE impuxo ao noso Ensino, e ir apartando do futuro das nosas fillas e fillos todos os atrancos que aquela xente insolidaria quixo introducir para que o Ensino de todas pasara a ser o Ensino dunhas poucas, daquelas que tiñan os medios privados para superalos.

Moito avanzamos e moito conseguimos, mais nin moito menos todo o que pretendemos, porque a LOMCE continúa a estar aí, e con ela están os erros curriculares, as valoracións ideolóxicas, os itinerarios obrigatorios contaminados de sectarismo relixioso, o desprezo á nosa cultura e á nosa Lingua, a discriminación activa a aquelas ás que aparta do camiño maioritario, e unha ampla casuística de despropósitos que nos reafirma na nosa petición básica, na que agora tamén xa sumamos ao Consello Escolar do Estado: é unha norma que debe ser derrogada, canto antes, non hai outra opción.

 

Os nosos teléfonos de contacto como voceiros da Confederación son:

Javier Sánchez: 600 699 293

Fernando Lacaci: 610 616 968



 
QUE É A AVALIACIÓN DE 3º DE PRIMARIA – 2017 ?
ESTABLÉCESE NA LOMCE, COA MODIFICACIÓN DO SEGUINTE ARTIGO DA LOE:
o   20.3:  dicindo que os centros docentes realizarán unha avaliación individualizada a todo o alumnado ao rematar 3º de primaria, segundo dispoñan as Administracións educativas, na que se comprobará o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación co grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática.
EN GALIZA RECÓLLESE NO DECRETO 105/2014, QUE  ESTABLECE O CURRÍCULO DE PRIMARIA:
o  12.7: dicindo que os centros docentes realizarán unha avaliación individualizada a todos os alumnos e as alumnas ao rematar o terceiro curso de educación primaria, segundo dispoña a consellería de educación.
 
A  CONSELLARÍA DISPÚXOO NA RESOLUCIÓN DE  25 ABRIL DE 2017 QUE DI:
ÁMBITO                  Terá carácter censual e aplicarase a todo o alumnado de centros docentes galegos, públicos, privados e privado-concertados.
FINALIDADE          Comprobar o grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática.
CARÁCTER             Informativo e orientar para o alumnado, familias, docentes, centros e administración educativa; polo tanto debería servir para:
§  Achegar información individualizada de cada alumno ou alumna.
§  Achegar información para cada centro relativo ao conxunto do seu alumnado.
§  Achegar información ás familias e á Administración educativa sobre o progreso do alumnado.
 
COMPETENCIAS      Comunicación Lingüística e matemática, segundo os estándares de aprendizaxe avaliables para 3º de primaria segundo os anexos I e III do Decreto 105/2014


 
CARACTERÍSTICAS DAS PROBAS:
o  A administración educativa proporcionará os materiais e soporte informático necesario
o  As probas consistirán en cadernos de alumnado para cadansúa competencia e cuestionarios de contexto para as persoas titoras, a dirección, o alumnado e as familias
o  Aplicaranse a todos os grupos de 3º de primaria.
o  Procurarase que sexan aplicadas por mestres-as do alumnado que non lles dean galego, castelán ou matemáticas (ou sexa, inglés ou educación física), se non é posible a “comisión de coordinación” seleccionará a quen queira
o  As probas deberían ser corrixidas e gravadas por mestras-es de galego, castelán e/ou matemáticas; se non é posible novamente a “comisión de coordinación” seleccionará a quen queira.
o   As probas serán o 30 e o 31 de maio; e se por algunha razón non puidesen desenvolverse as probas, por coincidir un día non lectivo ou por circunstancias sobrevidas, a dirección do centro afectado comunicarao á inspección e á comisión local para que se realicen nunha data inmediatamente posterior. Pero terá que facelo cunha antelación mínimo de cinco días hábiles ao inicio da proba. (isto non pode usarse para cambiar as datas se non vai alumnado, porque ten que existir aviso previo)
o   A data límite para corrección e gravación de datos será o 12 de xuño.
o   O alumnado NEAE fará unha proba adaptada á súa realidade, e esa adaptación será responsabilidade da persoa titora, co asesoramento do resto do equipo docente, a persoa orientadora e o profesorado de apoio.
 
COMISIÓNS DE COORDINACIÓN DA AVALIACIÓN INDIVIDUALIZADA
·       Crearase unha comisión de coordinación formada polo director-a, o xefe-a de estudos, o orientador-a e un titor-a de terceiro curso.
§  Informarán á comunidade educativa sobre o sentido e finalidade de cadansúa proba.

§  Planificará o seu desenvolvemento.
§  Seleccionará os mestres e mestras responsables da aplicación e corrección da proba.
§  Adoptará todas as medidas necesarias para a adaptación das probas ao alumnado NEAE.
§  Custodiará os materiais e garantirá a confidencialidade.
§  Garantirá o rigor e a obxectividade en todo o proceso.
§  Organizará a entregará os informes ás familias, e a difusión da información sobre os resultados entre a comunidade educativa do centro.
§  Colaborará coa Administración educativa e cos servizos de inspección no que se lle requira.

 
INFORMES
§  Os centros obterán un informa individual de resultados de cada alumno-a, con información sobre os seus resultados globais nas competencias avaliadas e que será entregado ás familias; e terá carácter informativo e orientador para os centros, así como para os equipos docentes e familias.
§  O titor ou titora deberá informar ás familias dos resultados desta avaliación
§  Os centros educativos terán un informe sobre os resultados do centro e de cadanseu grupo, en cada unha das destrezas e competencias avaliadas.
 
ANÁLISE DE RESULTADOS NOS CENTROS EDUCATIVOS
§  Os claustros e consellos escolares farán unha análise de resultados, de terceiro e sexto, e “reflexionarán internamente” para establecer as accións de mellora que incorporarán á PXA.
§  Se a reválida é desfavorable, os equipos docente deberá adoptar medidas, que se fixarán en plans de mellora colectivos ou individuais, en colaboración coas familias e mediante recursos de apoio educativo.
 
ALUMNADO NEAE
§  Con carácter xeral fará a mesma proba que o resto do alumnado, “adaptando as condicións ás súas necesidades”, adaptando tempos e formatos e facilitándolles medios materiais e axudas técnicas.
§  alumnado que leve menos dun ano escolarizado en Galicia e que careza de competencia lingüística abonda, contará con asesoramento, pero os seus resultados non computarán para o cálculo dos datos globais..
§  alumnado que teña adaptación curricular avaliarase de acordo con esa adaptación, e os seus resultados non computarán para o cálculo dos datos globais.
§  As adaptacións anteriores terá que facelas o titor-a, o orientador-a , e os PT e AL; quen tamén aplicarán e corrixirán as probas.
DATOS DE CARÁCTER PERSOAL
o   Os datos de carácter persoal estarán nun ficheiro custodiado pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación.
o   As familias terán o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición a que se conserven eses datos, este dereito poderase exercer diante da SXT da Consellaría de Educación, da seguinte maneira:
§  Enviando unha comunicación a: Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 15781 – Santiago de Compostela.
§  A través dun correo electrónico a sxt.cultura.educación@xunta.es

o    
Para que dicimos en ANPAS GALEGAS que serve esta proba:
·        Para incrementar o traballo administrativo dos centros escolares xusto durante a fin do curso.
·        Para provocar un estado de tensión estéril nos escolares de 3º de primaria.
·        Para obter resultados falsos, porque están contaminados pola descontextualización e pola dependencia da situación puntual na que se obteñen.
·        Para desprezar publicamente o traballo constante dos titores e titoras destes cursos avaliados, xa que os resultados do centro e do alumnado non se valoran por un curso completo senón por un exame puntual no que non se permite a súa participación.
·        Para desprezar ás familias, porque só estamos presentes para “recibir información”, como se non participaramos na educación dos nosos fillos, a través do contacto co seu profesorado, pero tamén mediante o traballo directo e permanente cos nosos fillos e fillas.
·        Para crear clasificacións de colexios, de grupos, de alumnado, de profesorado, de equipos docentes, de barrios, de zonas xeográficas…; e a consecuencia inevitable das clasificacións son os guetos, porque quen poida escapará dos “malos colexios” e crearanse grupos falseados dende o punto de vista social, tanto de “favorecidos” como de “desfavorecidos”, rompendo o principio de equidade que debe gobernar a escola pública; pero tamén rompendo dun golpe coas xa escasos logros conseguidos na inclusión da diversidade.
·        Para considerar de menor importancia aquelas competencias que non van ser avaliadas, as ciencias naturais e sociais, a música, a plástica, a educación física. E isto traerá como consecuencia que estas materias “de segundo nivel” irase abandonando para traballar máis aquelas “das que se poida tirar máis rendemento”
 
·         Para desprezarnos a nós mesmos; a nosa contorna, a nosa organización vital, os nosos valores e costumes non teñen importancia e non se avalía o seu coñecemento e interiorización. En terceiro a competencia matemática valorarase en castelán, e a nosa lingua só serve para ser auto avaliada; o único para o que serve o galego é para falar galego, pero sempre que non falemos de cousas “importantes”.
  
·        Para gastar inutilmente os nosos recursos públicos: logo de anos de recortes, agora imos gastar para avaliar cómo estamos logo de estar recortados. Un absurdo.
·        Para xustificar calquera medida posterior: unha proba realizada por uns nenos e nenas de oito anos, que están fóra do paraugas protector do seu titor ou titora, pode dar como resultados calquera cousa ou a contraria.
 
DECÁLOGO DE MOTIVOS POLOS QUE ESTAMOS EN CONTRA DAS REVÁLIDAS DA LOMCE
 
1.         CLASIFICACIÓN DOS CENTROS E COMPETICIÓN (MAL ENTENDIDA) ENTRE OS MESMOS, xa que de publicarse os resultados só conseguirán prexudicar ás escolas de contornas socioeconómicas desfavorecidas, como corroboran diferentes estudos publicados.
 
2.         NEUTRALIZACIÓN de novas iniciativas metodolóxicas dos centros que apostan por proxectos educativos que respectan os ritmos de aprendizaxe e desenvolven os currículos prestando gran atención ás intelixencias múltiples, xa que o modelo de reválida privilexia os contidos, ignora moitas das competencias clave e introduce obstáculos no progreso da formación do alumnado.
 
3.         SELECCIÓN TEMPERÁ, xa que o énfase debería poñerse nas dotacións orzamentarias destinadas a paliar os problemas que unha proba ben deseñada podería contribuír a detectar, e non centrada nos resultados do alumnado, clasificando aos estudantes en “bos e malos”, tentando evitar o acceso destes últimos aos estudos post-obrigatorios.
 
4.         COMPETENCIA MAL ENTENDIDA, xa que centrará os esforzos das escolas na obtención de bos resultados na reválida, e non na necesaria cooperación entre elas.
 
5.         PERVERSIDADE E FALTA DE OBXECTIVIDADE, xa que só se terán en conta algunhas competencias, e dentro destas sobre todo os contidos, e non aspectos moi relevantes como o pensamento crítico, a creatividade, a propia iniciativa, as características individuais de cada persoa, a competencia social e cidadá...
 
6.         DESCONFIANZA E CONTROL INAPROPIADO aos centros e os docentes, cuestionando a súa capacidade para realizar o seu traballo,  non mencionando en ningún punto a importancia da formación continuada.
 
 
 
 
     
7.      INVOLUCIÓN, inspirándose en modelos superados e non nos mellores modelos vixentes en Europa, e centrando os obxectivos de moitos cursos na superación duns exames de dubidosa relevancia, en detrimento de case todos os aspectos importantes no proceso  de ensino-aprendizaxe.
 
 
 
 
8.         INEFICACIA, dado que moitos organismos e informes, como o National Research Council de Estados Unidos (2011), expoñen que os sistemas semellantes ao que propón a reválida na LOMCE son ineficaces e non contribúen á mellora da formación do alumnado no futuro; por contra, co tempo os resultados das probas poden mellorar porque o traballo docente e a aprendizaxe das rapazas e rapaces céntranse na realización das probas.
 
9.         IMPOSICIÓN, xa que non se levou a cabo ningún tipo de debate científico, social e político, necesarios para chegar a un consenso, e as reválidas foron aprobados coa maioría de todos os sectores da comunidade educativa en contra.
 
10.         DESCOORDINACIÓN, IMPROVISACIÓN E FALTA DE INFORMACIÓN por parte da Administración que aconsellan a non realización das probas.
 
 
POR ISO EN ANPAS GALEGAS REXEITAMOS TODAS AS REVÁLIDAS DA LOMCE
1.       Rexeitamos as avaliacións externas cuxo obxectivo principal non sexa a detección de ámbitos de mellora no sistema educativo de cara a proporcionar aos centros, aos docentes, ao alumnado e ás familias os medios necesarios para a formación integral do alumnado e o desenvolvemento do seu labor.
2.       Rexeitamos as avaliacións externas que non se baseen na observación sistemática e prolongada no tempo de indicadores relevantes, senón que se reduzan a observacións parciais e puntuais. Así mesmo, rexeitamos a clasificación dos centros, ou a asignación de medios materiais ou humanos aos mesmos, en función dos resultados de avaliacións externas que non cumpran os necesarios requisitos.
3.       Rexeitamos as avaliacións externas cuxo deseño non estea consensuado cos sectores da comunidade educativa e as organizacións procedentes: profesorado, nais e pais, alumnado, ANPAs, organizacións sindicais...
4.       Rexeitamos as probas externas que non sexan integramente aplicadas, supervisadas e avaliadas por funcionarios públicos, tanto nos centros públicos como nos privados.
 
E POLO TANTO
 
·         ANIMAMOS ÁS FAMILIAS A SUMARSE Á INSUBMISIÓN Á REALIZACION DESTAS PROBAS SOBRE OS NOSOS FILLOS E FILLAS, non os enviando ao colexio durante as horas, ou días, da súa realización.
·         Chamamos ás familias para que manifesten o seu rexeitamento, a través da presentación do escrito que se acompaña.
·         Expresamos publicamente o noso rexeitamento como confederación, e invitamos a todas as federacións e a todas as anpas a que o fagan así en todos os foros que teñan ao seu alcance, páxinas web, redes sociais, taboleiros de anuncios, difusión aos seus socios, etc.
·         Esiximos nova e constantemente a derrogación da LOMCE, non queremos esa Lei, e non pararemos de dicilo.